Un equipo experto investiga as humidades do enlousado da capela do Cristo de Conxo

luns, 23 Marzo, 2015

O Consorcio de Santiago acomete desde decembro un estudo sobre as importantes humidades que sofre a capela do Cristo da igrexa de Santa María de Conxo. Un equipo da arquitecta e profesora da ETSA de Madrid Soledad García Morales, que integra aos arquitectos galegos Raquel Otero e Hugo Allegue, fará distintas medicións durante un ano aproximadamente en aras de chegar a un diagnóstico certeiro.

 

O enlousado da capela de Conxo, que ten uns 300 m2 e un 90% de humidade relativa a ras de solo, presenta manchas escuras que aparecen co frío e a humidade do inverno e se aclaran “un pouco” coa chegada da primavera e o verán. A especialista García Morales indica que é unha lesión moi habitual nos enlousados de granito de Galicia, polo que espera obter resultados que se poidan estender a outros monumentos ou edificios galegos. “A filosofía da nosa investigación -agrega- é facer análises baseadas en datos empíricos para que poidamos establecer con rigor que está a pasar e por que. Non podemos dar paos de cego”.

 

Algúns dos estudos iniciados consisten na auscultación hidrotérmica de solos e paredes para “cartografiar” o edificio, marcando onde se achan os focos de humidade con distintos valores ou intensidades. Estas primeiras medicións de temperatura e humidade indican que os puntos principais están situados no cruceiro da capela, pero sorpréndelles que a humidade máis elevada estea na parte sur, á dereita, e non na zona de enfronte que está cara ao norte.

 

“É cedo para interpretar que está a pasar, xa que estamos aínda coas primeiras tomas de valores, pero sospeitamos que as manchas das pedras son por contaminación de sales, algo que as fai moi higroscópicas, é dicir, que absorben e reteñen auga e, por el contrario, cóstalles moito evaporar. De feito xa vemos que o edificio evapora pouco, pero isto é normal en inverno, así que cómpre esperar a ver como evoluciona cara ao verán. Tamén temos que estudar a ventilación” -explica a arquitecta-.

 

Se fose algo superficial, as pedras limparíanse con facilidade, pero se están enfermas ou contaminadas “hoxe por hoxe non hai boa solución”, tal como conclúe o equipo, que usa catro aparellos e fará “medicións exhaustivas” nos puntos críticos. En todo caso, aínda é cedo para extraer resultados concluíntes. O equipo que traballa en Conxo forma parte do Grupo de Análise e Intervención no Patrimonio Arquitectónico da Universidade Politécnica de Madrid.